Alvaro Cunqueiro
Os outros feirantes: Lisardo Montes
Estudara tres ou catro anos no Seminario de Lugo, pro entroulle algo de
mal ao peito e véuse pra a sua casa do Formigueiro. A casa dos Montes
estaba soia, arredada un pouco do camiño, e máis abaixo,
da outra banda do rego que chamaban das Cubas, estaba a casa dos Vinculeiros.
O señor Daniel dos Vinculeiros fíxose mui amigo de Lisardo
Montes, pesie á diferencia de edade. O señor Daniel andaba
polos setenta e Lisardo ainda non cumplira os trinta. Lisardo iba a Lugo
e sempre traguía un feixe de xornais e revistas que lle daba un
primo de seu empregado na limpeza do Círculo de las Artes.
Lisardo explicáballe cómo iba o mundo ao señor
Daniel. Tamén lle contaba historias que aconteceran en Lugo cando
el era seminarista. Un día mui en confianza, contoulle que estivera
a punto de ser fámulo do señor bispo, pro como tusía
tanto, nono quixeron no pazo. O señor bispo era un home mui alto,
que falaba polo ese. O bispo afeitábase todos os días por
man dun barbeiro que era sacristián de frades, e home mui burlento.
O bispo en canto lle enxabonaban a cara cunha espuma de pasta que lle viña
de Barcelona en botes de kilo, adormecía. E entón o sacristián
bailaba diante do bispo, sacáballe a lingua e botaba man ás
suas partes decindo mansiño:
-Quiquiriquí!
E nunha déstas, o bispo despertou, e ollou ao barbeiro e sacristián
que bailaba flamenco, o brazo dereito en alto e co esquerdo erguendo a
chaqueta sobre o cú.O bispo brincou do sillón alporizado
e colleu unha das navallas, que eran da sua propiedade, e si o barbeiro
non fuxe, hai un caso de morte de home a mans do bispo. O barbeiro foise
de Lugo unha tempada, e o bispo afeitábase pola sua man.O curioso
era que tiña que enxabonarse sentado, porque enxabonándose
adormecía; logo despertaba, dábase unha man e xa podía
pasar a navalla. Un día de san Francisco o bispo foi de visita aos
frades cos que estaba de sacristián o barbeiro das burlas, que xa
retornara do desterro, e ainda que se excusaba entre unhas mulleres e os
dous leigos, que eran dous gordos colorados, o bispo ben o veu, e foise
cara el, irado. Pro no camiño debeu de virlle a razón da
calma que pedía o seu cárrego, e detívose a unha vara
do sacristián. Pro eu e os que estabamos perto ben escoitamos cómo
o bispo lle dixo ao burlento:
-!Maricón!
O señor Daniel dos Vinculeiros non creía:
-!Pareceuvos que dixo eso, pro diría outra cousa!. Verbigratia,
excomunión...
-!Non e non!, insistía o Lisardo. Dixolle en latín maricus
mariconis. !Ainda non se me esquenceu de todo o meu latincillo do seminario!
- Si o dixo en latín, amigo Lisardo, pase, pro ainda así...
O señor Daniel meneaba a cachola e íbase pensativo pra
a sua casa, que comenzaba a choviñar. Ao día seguinte buscou
a Lisardo, que estaba segando no prado.
- ¿Seguro que é do latín eso de maricus mariconis?
Máis ben parece galego de burla...
-
O galego é fillo do latín, e os fillos aseméllanse
aos pais, retorcaba o Lisardo.
-
¿E cómo se dice cabrón en latín?
-
!Capro capronis!, respondeu Lisardo
-
-!Tamén é teima a do latín en semellarse ao galego
-
Aquel verán o señor Daniel foi aos baños quentes a
Lugo, e ao volver á aldea atopouse que o día antes déranlle
terra ao Lisardo. Estaba na eira axudando a capar porcos, cando lle veu
un vómito de sangue, e quedouse nel. O señor Daniel quedou
como orfo, sin aquelas conversa. Pra paliar a falta delas dalgún
xeito, suscribiuse ao "Progreso". E cadrou que á semán de
comenzar a recibir o xornal, enterouse por este que se finara o bispo de
Lugo. Quizaves fora o mesmo do que estivera a ponto de ser fámulo
seu amigo Lisardo, que ne paz esteña descansando. E vai o señor
Daniel e vestiuse do millor, e foise ao enterro ao bispo. Ainda chegou
a tempo de ver o cadavre embalsamado no ataúde, na capela ardente.
A cara fraque, cadrada, morto estaba, pro a boca mesmo parecía que
iba soltar fala.
Sí parecía que se houbera morto cando iba decir algo.
E ¿El que querería decir o señor bispo de Lugo denantes
de dar a alma a Deus? O señor Daniel tentaba pór a boca sua
como estaba a do bispo. Pareceulle que ao fin o conseguía, e falou.
E saíulle o latín célebre:
-
-!Maricus mariconis!
-
-Vaia, home, comentaba pra sí o señor Daniel, mira o
que lle durou a rabexa ao bispo de Lugo.
-
Lisardo Montes-Os outros feirantes-Alvaro Cunqueiro-Editorial Galaxia-1981
-
escribe ao correo
- O índice destas páxinas
-
"A cada terra seu uso e a cada roca seu fuso"