Alvaro Cunqueiro

Os outros feirantes: Lisardo Montes

Estudara tres ou catro anos no Seminario de Lugo, pro entroulle algo de mal ao peito e véuse pra a sua casa do Formigueiro. A casa dos Montes estaba soia, arredada un pouco do camiño, e máis abaixo, da outra banda do rego que chamaban das Cubas, estaba a casa dos Vinculeiros. O señor Daniel dos Vinculeiros fíxose mui amigo de Lisardo Montes, pesie á diferencia de edade. O señor Daniel andaba polos setenta e Lisardo ainda non cumplira os trinta. Lisardo iba a Lugo e sempre traguía un feixe de xornais e revistas que lle daba un primo de seu empregado na limpeza do Círculo de las Artes.
Lisardo explicáballe cómo iba o mundo ao señor Daniel. Tamén lle contaba historias que aconteceran en Lugo cando el era seminarista. Un día mui en confianza, contoulle que estivera a punto de ser fámulo do señor bispo, pro como tusía tanto, nono quixeron no pazo. O señor bispo era un home mui alto, que falaba polo ese. O bispo afeitábase todos os días por man dun barbeiro que era sacristián de frades, e home mui burlento. O bispo en canto lle enxabonaban a cara cunha espuma de pasta que lle viña de Barcelona en botes de kilo, adormecía. E entón o sacristián bailaba diante do bispo, sacáballe a lingua e botaba man ás suas partes decindo mansiño:
-Quiquiriquí!
E nunha déstas, o bispo despertou, e ollou ao barbeiro e sacristián que bailaba flamenco, o brazo dereito en alto e co esquerdo erguendo a chaqueta sobre o cú.O bispo brincou do sillón alporizado e colleu unha das navallas, que eran da sua propiedade, e si o barbeiro non fuxe, hai un caso de morte de home a mans do bispo. O barbeiro foise de Lugo unha tempada, e o bispo afeitábase pola sua man.O curioso era que tiña que enxabonarse sentado, porque enxabonándose adormecía; logo despertaba, dábase unha man e xa podía pasar a navalla. Un día de san Francisco o bispo foi de visita aos frades cos que estaba de sacristián o barbeiro das burlas, que xa retornara do desterro, e ainda que se excusaba entre unhas mulleres e os dous leigos, que eran dous gordos colorados, o bispo ben o veu, e foise cara el, irado. Pro no camiño debeu de virlle a razón da calma que pedía o seu cárrego, e detívose a unha vara do sacristián. Pro eu e os que estabamos perto ben escoitamos cómo o bispo lle dixo ao burlento:
-!Maricón!
O señor Daniel dos Vinculeiros non creía:
-!Pareceuvos que dixo eso, pro diría outra cousa!. Verbigratia, excomunión...
-!Non e non!, insistía o Lisardo. Dixolle en latín maricus mariconis. !Ainda non se me esquenceu de todo o meu latincillo do seminario!
- Si o dixo en latín, amigo Lisardo, pase, pro ainda así...
O señor Daniel meneaba a cachola e íbase pensativo pra a sua casa, que comenzaba a choviñar. Ao día seguinte buscou a Lisardo, que estaba segando no prado.
- ¿Seguro que é do latín eso de maricus mariconis? Máis ben parece galego de burla...